La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Parece ser que o pasado día 6 de xuño, segundo leo no New Yorker, o avión presidencial norteamericano, coñecido como Air Force One, desapareceu das pantallas de radar cando sobrevoaba o estado de Nova Jersey. A noticia publicouse nun importante periódico nacional ao día seguinte e nela recordábase que era a segunda vez que sucedía este percance durante a primeira metade do ano. A palabra elixida para dar conta do efecto producido nas pantallas, nas que o sinal do avión se foi difuminando pouco a pouco, como un fantasma, era “misteriosamente”. Como veremos, esta palabra ten un significado especial en América.

Segundo relata Edward Jay Epstein, cando un avión desaparece dos radares misteriosamente, na cultura televisiva do seu país quere dicir que iso se debe sempre a un proceso de abdución por parte de alieníxenas. O que fan estes entón consiste en substituír os pasaxeiros do avión por réplicas exactas, de xeito que os orixinais son levados a outros planetas para facer experimentos con eles.

Como a metade dos americanos cre nestas cousas, Epstein propuña unha explicación racional para os líos nos que anda metido o presidente Clinton. Despois da desaparición “misteriosa” do avión, ademais doutras desaparicións que puideron suceder antes, é probable que o presidente verdadeiro estea xa noutro planeta e que o inquilino da Casa Branca, é dicir, o señor que correu festas pecaminosas coa señorita esa, non sexa máis que unha réplica ou clon do orixinal. Iso daría conta dun comportamento tan estraño por parte de Clinton. A min paréceme a explicación máis intelixente que se leva dado sobre este asunto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de agosto de 1998.