La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nestes días de vacacións, como hai pouco que facer, un perde o tempo de calquera maneira, que é unha forma sensata de vivir. Onte pola mañá, por exemplo, pasei bastante tempo observando o can e o gato, que, tal como establece o tópico, non se entenden nada ben. Polos anos que conta, o gato empeza a ser señor e xa non ten moitas ganas de broma, de maneira que o del consiste en deitarse comodamente nunha das cadeiras que hai fóra da casa, botar unha sonatiña e que o deixen en paz ata a hora de comer.

Ao can, en cambio, como aínda é novo, gústalle xogar e aproveita calquera ocasión para montar pequenas troulas, sempre inocentes. Abóndalle coller un pau e achegarse a un para que llo quite, que llo tire lonxe e volver empezar. Cunha diversión tan parva non consegue case nunca colaboración humana. Entón acode ao gato.

Para animalo, menea o rabo, que é a forma que teñen os cans de saudar os amigos. Aí está a traxedia, pois ese mesmo xesto, en linguaxe felina, significa exactamente o contrario, de xeito que a mensaxe que un transmite como manifestación cordial, o outro enténdea como ameaza perigosa. Nese momento xorde o conflito. Polo que a min respecta, procuro ser neutral, pois ambos son xente da casa, pero a cara de infeliz do can conmóveme máis que a razón do gato. A bondade é sempre máis simpática que a intelixencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de agosto de 1994.