La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha revista americana leo a noticia de que unha señora garda na súa casa as cinsas de Abraham, que lle comprou a uns italianos nunha cifra millonaria. Supoño que os vendedores deberon ser os mesmos individuos que alá polos anos sesenta lle colocaron a vara de Moisés a un cliente, tamén nos Estados Unidos. Foi unha operación organizada pola Mafia siciliana, denunciada no seu día pola prensa, que descubriu un negocio de grandes dimensións montado arredor da inocencia, as reliquias e os milagres.

Daquela, sóubose que unha das fontes do tinglado eran as vendaxes que supostamente serviran para tapar os estigmas que laceraban os pés e as mans do famoso Padre Pío. A Mafia exportou entón miles de metros perfectamente manchados de sangue, pero non saída das veas do frade, senón dos pescozos dunhas galiñas.

Os mafiosos, que ao principio só fabricaban imaxes de santos, cando viron o que se podía conseguir por ese camiño, avivaron a imaxinación. Dese xeito chegaron a sacar ao mercado as espiñas do milagre evanxélico dos peixes e os pans. Tampouco dubidaron en poñer en venda vinte hábitos pertencentes a San Francisco de Asís. Neste último caso non se entende ben por que foron tan prudentes. Quizais polo temor de que no ceo se enfadasen, pois San Francisco, como se sabe, non tiña máis que un hábito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de agosto de 1996.