La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu que coñece ben Arabia Saudita estivo contándome cousas daquel país que me resultaron interesantes. Non parece fácil entender unha cultura tan distinta da nosa e imaxinar como pode ser unha sociedade na que non hai cine ou onde as mulleres carecen practicamente de dereitos, entre eles, por exemplo, o de conducir un coche ou entrar nun café ou nun restaurante, ademais de andar permanentemente cun veo que lles cobre a cara. Tampouco se comprende ben o feito de que non se poida beber un licor ou un simple vaso de viño. E o mesmo se pode dicir da prohibición de comer carne de porco, incluído o xamón, e outras prácticas polo estilo.

Un código moral tan ríxido ten que ser violado dunha maneira constante, o cal equivale a instituír a hipocresía como unha forma de liberación necesaria. Iso é tan certo, segundo me contou o meu amigo, que Arabia Saudita figura como un dos países onde se importa máis whisky, por suposto de xeito ilegal, pero coa complicidade de moitos, pois en caso contrario resultaría imposible. Sempre pasa o mesmo.

Algo se move tamén alí, non obstante. Algún membro da familia dirixente ten, polo visto, un programa de reformas. A máis radical pasaría por celebrar eleccións, pero non antes de dez anos, coa restrición inevitable, ademais, de que só poderían votar os homes. Con todo, nos plans dos reformistas inclúese con carácter inmediato a autorización para que as mulleres poidan conducir. Como é lóxico, hai moitas resistencias, sobre todo en relación con esta última medida, que os máis conservadores non acaban de ver clara. Para iso manexan un argumento dunha contundencia absoluta, é dicir, que conducir co veo sería un perigo para a circulación.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de agosto de 1999.