La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O peor foi que a historia saíse do ámbito familiar e acabase nos periódicos. Esa circunstancia arruinou a vida de dona Ana, unha aristócrata portuguesa que a estas horas, despois de seis meses, aínda está desaparecida. Hai feitos que a vergonza non resiste. Total, por nada: o amor por un cadro. Non unha obra de arte de gran valor económico, senón un obxecto sentimental querido desde a infancia. Nada máis que unhas perdices ben pintadas, un mantel de hule, dous pratos, unha botella de viño e unhas flores.

Desde nena, dona Ana estivo namorada daquela pintura. Nunca ocultou o sentimento que lle producía. Na familia, todos sabían daquela paixón absurda, incomprensible. Agora, consumada a traxedia, os irmáns aseguran que entenden, pero xa pode ser tarde. Cada vez parece máis claro que a señora se tirou ao Teixo. Unha pena excesiva para un pecado pequeniño, indubidablemente fermoso.

Solteirona, convertida na gobernanta segura da casa familiar, cando o pai morreu, dona Ana díxolle aos irmáns que aquel lle prometera o cadro en vida e que polo tanto non  debía entrar nas partillas da herdanza. Naturalmente, ninguén puxo reparos e todos estiveron de acordo en respectar a vontade do defunto. Só que cando foron descolgar o lenzo da parede, detrás había un escrito que dicía: “Se esta vos di que lle regalei o  cadro, non lle fagades caso, que non é certo”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de agosto de 1993.