La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, por puro azar, coincidiron na casa un grupo de persoas de distintos países: dúas suecas, un norteamericano, un inglés, unha alemá e todos os demais. Neste último capítulo entraban seis rapaces e rapazas, fillos dos anteriores, que falaban de todo menos español. A conversa, polo tanto, desenvolvíase simultaneamente en todas as linguas, con axudas dunhas a outras para os matices ou os termos máis complicados. Un albanel que traballaba no xardín miraba con cara de non entender nada.

Por se fose pouco, o inglés é un profesor interesado pola literatura galega, que está traducindo contos de diversos autores. Polo tanto, a lingua galega estivo tamén moi presente no coloquio, pois o tradutor quería aclarar o significado dalgunhas palabras ou pretendía entender o sentido dalgúns costumes e crenzas.

Houbo un momento en que saíu na conversa o tema do racismo. Díxose o de sempre, contando cada un a experiencia dos seus respectivos países. Quedou claro que non hai unha soa terra libre desa peste, aínda que os amigos de fóra puñan a España como exemplo de gran tolerancia nesta materia. Ao remate da velada, cando os visitantes xa marcharan, o albanel veu botar un pito comigo para comentar o traballo do día. Ao despedirse, díxome: “Non me explico como vostede non tolea con tanta xente ladrando na casa”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de agosto de 1997.