La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo que se chama Mathew e que naceu coa síndrome de Down. Ten agora tres anos. O outro día decatouse de que esta fotografía que aparece aquí, ao fronte desta columna do periódico, se corresponde comigo, de maneira que cando me encontrei con el na súa casa, comunicoume con alegría o descubrimento que acababa de facer. Durante uns minutos estivo apuntándonos co dedo alternativamente ao retrato e mais a min. Fixénlle unha pequena trampa, que consistiu en darlle a volta á páxina, pero advertiuno de seguida, colocouna de novo como estaba e continuamos xogando. Se Mathew se puxo contento, eu púxenme tanto ou máis ca el.

Cada día aprende algo novo. Xa sabe facer a galiña, o can, o pato, a vaca, o coche e moitas cousas máis. Supoño que non lle resulta tan fácil como a outros nenos, pero vese ben que o esforzo que os seus pais fan para educalo adecuadamente dá uns resultados espléndidos. O luns, cando o deixei, quedaba lendo un libro con axuda. Chamoume a atención o respecto e o coidado con que pasaba as páxinas. A min, Matthew paréceme un neno listísimo, tendo en conta as enormes barreiras que ten que vencer. Estou convencido de que acabará sendo unha persoa de proveito, educado e moi boa xente. Digo o de boa xente porque xa se ve agora o cariñoso que é.

Dá uns abrazos de apretar que emocionan: sempre resulta grato saber que nos queren. Estou convencido de que Mathew me quere ben, non por nada especial, senón polo feito de que me ve con frecuencia e xogo con el. Entretenme moito, en parte porque descubro cada día unha cousa nova, nunca deixa de sorprender. De xeito que lle estou agradecido. E por riba, o detalle ese de recoñecerme na foto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de agosto de 1998.