La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A desvantaxe de ter moitos libros é que case nunca se encontran aqueles que un necesita nun momento determinado. Foi o que me sucedeu onte pola tarde, cando estaba escribindo sobre un episodio que vivín no restaurante parisino de La Coupole, hai anos, a primeira vez que estiven en Francia. Trataba de recordar uns fermosos versos de amor que o poeta Louis Aragon lle escribiu a Elsa Triolet, a quen coñecera precisamente naquel mesmo lugar, e que eu antes sabía de memoria, pero que agora descubrín que non lembro con precisión. O tempo, como é sabido, resulta implacable, o cal non ten por que ser motivo de inquietude, pero que amola e fastidia.

Confeso que Louis Aragon e Elsa Triolet nunca foron santos especiais da miña devoción. Non me gustan os escritores rachados que escriben as cousas que escribiu el no libro Traité du style, como aquilo de chamarlle puñeteiro a Gide, tramposo a Valéry e pallasos a outros colegas e compañeiros. Tampouco comparto aquela frase xa famosa: “¡Cágome no exército francés na súa totalidade!” Por outra parte, son dos que están convencidos de que esta célebre parella non tivo un comportamento claro durante a ocupación, pois nunca souberon explicar dunha maneira convincente por que razón combinaron a publicación dos seus libros e versos entre editoriais oficiais, na Francia ocupada, e editoriais clandestinas, pertencentes á Resistencia.Pero iso xa forma parte doutra historia.

Eu o que quería recordar hoxe era uns versos. Porque o feito de que a un non lle pareza simpático un señor, non quere dicir que non o considere bo poeta. Desde logo, Aragon foino. Sobre todo neses versos que non lembro, onde lle chamaba a Elsa “mon amour, ma jeunesse”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de agosto de 1999.