La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O novelista ruso Alexander Miliukov conta nunha revista francesa que hai anos, durante unha cea con Nikita Kruschev, este, que estaba bastante chispa, lle ofreceu como obsequio unha pluma que fora de Tolstoi. Temeroso de que algúns dos presentes puidesen interpretar o xesto do xerarca como mostra dunha intimidade que non existía, o escritor refugou o regalo dicindo: “Xa teño a miña pluma”. Ao cal, o señor do Kremlin, irritado pola actitude do escritor, lle respondeu: “Si, pero vostede non é Napoleón”.

Para Miliukov, a saída de Kruschev, segundo conta na entrevista, foi unha decepción. Tiña entendido que se trataba dun home intelixente, capaz de mortificar a calquera coa acidez das súas pullas, pero naquela ocasión, aturullado polo viño e sabedor de que a súa escasa cultura o situaba nunha posición de desvantaxe entre os escritores que asistían á cea, non acertou coa resposta adecuada.

Ignoro por que razón o novelista descualifica desa maneira tan categórica a cultura de Kruschev, pois a resposta máis ben indica o contrario. Conta o conde de Las Cases no seu célebre Memorial de Napoleón en Santa Elena que, unha vez, o emperador lle asegurou que un día lle quixeran regalar a espada de Federico o Grande e que a refugara dicindo: “Xa teño a miña”. Por sorte, nin o enxeño nin a cultura nin a graza son patrimonio exclusivo dos escritores. Tampouco a soberbia, por suposto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de agosto de 1993.