La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contáronme uns amigos que en Madrid hai tres señoras coñecidas, xa algo metidas en anos, desas que saen nas revistas e nalgúns programas de televisión sen motivo especial, por calquera cousa, que fixeron a cirurxía estética co mesmo médico e agora parecen irmás. Se a historia é certa, como me aseguraron, supoño que as vítimas tratarán de evitar atoparse en festas por temor ao ridículo, pois debe ser bastante peor que verse nunha recepción ou nunha voda ou nun baile con idéntico vestido, idéntico bolso e idénticos zapatos.

Onte pola tarde, cando estabamos falando do asunto, un dos contertulios amosou a súa estrañeza pola manía que hai agora de estirar a pel, quitar engurras e poñer mofletes. Mentres dicía a súa opinión, un albanel que reparaba unha fenda nun muro, apenas a dous metros do porche onde tomabamos o café, soltou unha sentenza que eu non entendín ben, pero que me pareceu moi acertada. Dixo: “Iso é porque as mulleres xa non comen cebola”. Ignoro o fundamento, pero non deixa de ser unha explicación.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xullo de 2000.