La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñecín a Carmiña (Carmen Martín Gaite) hai moitos anos e desde entón mantivemos unha fermosa amizade. Sempre que coincidimos nalgunha viaxe literaria polo mundo adiante, ela era das que quedaba ata tarde, polas noites, de conversa. Gustáballe a tertulia, na que arrollaba coa súa vitalidade e a súa simpatía. Recordo un amencer, en Cuba, sentados fronte ao mar cun grupo de amigos, no que nos fixo pasar uns momentos inesquecibles cantando con boa voz e con gusto todos os anuncios da radio da súa infancia.

Era inxenua e gustáballe parecelo, pero no fondo posuía unha personalidade forte. Un día díxome que os anos de matrimonio co novelista Rafael Sánchez Ferlosio, un home complicado, foran os máis divertidos da súa vida e que volvería repetir. Non foi capaz de sobrepoñerse, en cambio, á morte da súa filla. Vivía obsesionada, como se non puidese crer que fose certo. Nunha ocasión, nun tren de Estrasburgo a París, fíxenme o durmido mentres ela lle falaba de min a un poeta sueco. Desde entón quíxena máis.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xullo de 2000.