La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A última vez que estiven en París busquei a librería de Maspero e xa non dei con ela. Algunhas horas pasei nos seus locais, non obstante, alá polos anos sesenta. Había libros que parecían milagres. Despois, cando chegaba a hora do regreso, era preciso discorrer toda clase de acochos, probablemente ineficaces e inocentes, para evitar que fosen descubertos pola policía española na fronteira. Así pasei eu unha biografía crítica de Franco, a historia da guerra civil de Hugh Thomas e outras clandestinidades entón prohibidas.

Os clientes de Maspero tiñan, en xeral, a pinta inconfundible dos mozos revolucionarios daquel tempo, partidarios de Fidel Castro, entusiastas ardorosos das guerrillas en calquera parte do mundo e opositores activos á intervención americana no Vietnam. O uniforme consistía en barba, casaca militar e botas do mesmo estilo.

Moitas veces, as casacas estaban acondicionadas para decomisar libros, que era a maneira de roubalos sen que fose nin vergonza nin pecado. Daquela, na librería de Maspero roubábase moito o Tratado de economía marxista de Ernest Mandel, que morreu o xoves pasado en Bruxelas. Eu vinlle coller os tres tomiños a un mozo alto e moreno, con pinta de marxista arxentino. Meteunos por dentro da casaca, fixo unha leve manobra de despiste e alá se foi a preparar a revolución na súa patria. Polo que se ve, non tivo moito éxito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xullo de 1995.