La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño a súa foto diante de min. É unha rapaza alta e guapa, de pelo loiro e ollos claros, vestida con blusa azul, rebeca mariña de colores e un pantalón curto que lle permite lucir unhas pernas longas e fermosas, máis fermosas agora que xa están lixeiramente escurecidas polo sol do verán. Se non fose porque na parte alta da blusa, saíndo de debaixo dela, leva unha prenda que remata abrazando o seu pescozo cun colo alto e redondo e cunha pequena fronte de plástico, ninguén diría que esta muller é cura.

Acaba de chegar á cidade, onde se vai encargar durante o verán dunha coñecida parroquia que hai na praia de Tylösand. Onte mesmo deu unha conferencia sobre un tema sen demasiado interese e conseguiu que a sala estivese abarrotada de xente.

Esta rapaza fíxose famosa en Suecia non por ser cura nin por ser guapa, cousas ambas que aquí non son raras, senón polos métodos que emprega para atraer os parroquianos. Por exemplo, converte a igrexa nun café, onde os fieis poden cantar e escoitar orquestras de baile, aínda que non bailar, de momento. O éxito é total, tanto que tivo que construír un aparcadoiro para os coches da xente que acode ao culto. Non obstante, non todo é tan sorprendente: o bispo xa dixo que así non se pode seguir.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xullo de 1993.