La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a tarde do sábado falando de caciques. Un amigo que veu de visita e que leva anos preparando unha tese sobre o tema, contoume episodios que vistos a distancia, privados do seu significado moral ou político, resultan divertidos. Preguntoume tamén por un contubernio no cal eu andei metido hai tempo e que el quería coñecer en detalle. Recordando aqueles feitos tantos anos despois de ocorridos, decateime de que un suceso que entón vivín de forma dramática, coa distancia acaba resultando máis ben ridículo.

Un día, un grupo daqueles vendedores ambulantes que andaban de feira en feira negáronse a pagar o imposto que por aquela actividade lles cobraban na miña vila. Foi unha acción intranscendente, pero que aos dous ou tres días foi comentada por Radio España Independente, Estación Pirenaica, como unha revolta política.

Alguén se empeñou en dicir que a noticia a pasara eu desde unha emisora clandestina que tiña na casa. A parvada mereceu a atención do garda civil e ocasionoume non poucos desgustos. Cos anos, cheguei a saber quen fora o inventor do conto e a intención perversa que o movera. Desde entón, tiven a aquel home por un tipo profundamente malo. Non obstante, o meu interlocutor de onte, que o coñece ben, díxome que se trata dun auténtico infeliz. Cando o vexa, terei que saudalo. Non é o mesmo ser ruín que ser parvo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xullo de 1994.