La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, despois de pasar a mañá en Iria, no curso sobre a obra de Camilo José Cela, volvín para a casa en compañía de Pepe Esteban, que falou sobre os prólogos na obra do escritor. Despois de xantar, acendimos uns puros, tomamos un par de cafés e puxémonos a charlar á sombra do porche. A min gústame moito parolar con este amigo por moitas razóns. En primeiro lugar porque se trata dun home tranquilo, extraordinariamente cortés, do que se pode discrepar sen perder o sorriso e porque defende as súas ideas sen paixón, dándolle a importancia relativa que teñen estas cousas. Nada máis. E, non obstante, é persoa de principios.

Falamos moito dun común amigo, o novelista Alfredo Bryce Echenique. A relación deles os dous é novelesca, ás veces cómica. Nunca conseguín saber cal foi a verdade dun atraco que sufriron en Madrid. Segundo Alfredo, Pepe desmaiouse co medo; segundo este último, foi exactamente ao revés. Se temos en conta que no relato de Bryce, el mesmo queda coma un heroe, haberá que pensar no contrario.

Na conversa falamos tamén de Cela, non só da súa obra literaria, senón do follón que se armou en toda España coas declaracións a propósito de Lorca. Foi unha pena que os periódicos non reproducisen unha frase que pronunciou aquel día, estando eu presente. Dixo: “Escribín algunhas cousas en galego, non por ser a miña lingua, que non o é, senón por patriotismo”. Tampouco está mal. Por certo que a Pepe Esteban lle pediron a firma para unha carta de protesta contra Cela. Non firmou e deu as súas razóns: “Non me gustou o que dixo, pero son amigo del e eu nunca firmo nada contra un amigo”. Iso está moi ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xullo de 1998.