La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez oínlle contar a un policía desde que fan escoltas de personaxes importantes que, para comunicarse cos compañeiros que ocupan posicións nas ventás e nos tellados das casas, se valen de sinais difíciles de detectar polo público; desa maneira evitan que a xente se poña a mirar cara ao punto onde están apostados. A precaución baséase na experiencia, pois abonda con que alguén se quede parado na rúa, cos ollos fixos en calquera lugar, preferentemente no alto, para que todo o mundo se deteña a facer o mesmo.

Ese era un xogo que practicabamos en Ourense algúns amigos, alá nos tempos en que aínda eramos rapaces. Puñámonos a observar as nubes desde a rúa do Paseo, finxindo que viamos algo que nos chamaba a atención, e aos poucos minutos tiñamos un grupo de persoas arredor que nos imitaban, atrapadas pola curiosidade.

Hai un par de días, a última hora da tarde, no paseo de Panxón, comprobei unha vez máis ese fenómeno. De pronto decateime de que un grupiño de rapaces miraban ao ceo. Ao pouco tempo, vin que se levantaba a xente das terrazas. Convencido de que non debía ser nada que merecese a pena, seguín no meu sitio. A cousa empezou a intrigarme cando descubrín a tres ou catro persoas disparando as cámaras. Entón mirei. Era o arco da vella, inmenso e perfecto. Por sorte, a xente non só se emociona vendo a televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xullo de 1995.