La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tiña eu un tío que era unha persoa absolutamente crédula, case inocente. Con frecuencia escribía a esas casas que se anuncian nos periódicos con promesas como facerse rico nunha semana, medrar varios centímetros ou librarse dos ladróns sen correr riscos… Recordo que no asunto de aumentar a estatura, recibiu por correo, previo pago de mil pesetas das de hai vinte anos, que non era pouco, uns tacos de goma para cravar nos zapatos. Polo que respecta á súa autodefensa, mandáronlle unha pistola pequena de fulminantes.

Unha vez sorprendino desfacendo un paquete: dentro viña un artefacto de plástico para engadirlle aos lentes e ver de lonxe. Queríao para asistir ao fútbol desde unha casa próxima ao estadio do Couto, en Ourense, cando o bispo lles prohibira aos curas entrar nos campos. Non se vía nada e, ademais, o meu tío tiña aspecto de marciano.

Agora leo que en Inglaterra, unha tal señora Kritzinger acaba de publicar un libro con normas para ser escritor. Está concibido en forma de dicionario, do A ao Z. Na palabra título, por exemplo, di: “O nome do teu libro”. En personaxes, aparece: “Os personaxes deben vivir na páxina”. Finalmente, no apartado dedicado ao sexo, recomenda que en caso de non ter moita experiencia, o mellor será  “tomar notas mentres se ven películas pornográficas”. Nisto último, polo menos, a señora parece bastante prudente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xullo de 1997.