La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde estiven firmando libros na Feira do Libro de Vigo, pero non é diso do que quero falar, senón das cousas que me sucederon con ese motivo. Como recordarán as persoas que teñan a amabilidade de seguir estes artigos de cada día, no último deles falei do pan e do moito que me gusta. O que non me podía imaxinar é que volvería á casa practicamente cargado cunha panadería.

Primeiro foi Lara, unha rapaza guapa de Mos que me trouxo dúas bolas de pan do Porriño, unha delas con uvas pasas. Lara tivo ademais a xentileza de compartir comigo unha longa tertulia, na que falamos de moitas cousas, incluso de literatura, pero tamén do pan. Logo foi Ramón, de Ferrol, que me obsequiou con dous pans, un deles en forma de rosca grande, unha empanada pequena, con moi bo aspecto e un arrecendo que abre o apetito, e outro produto que aínda non sei ben en que consiste, pois é a primeira vez que o vexo, pero do que podería dicir que está a medio camiño entre o pan e a torta. Supoño que se trata dunha especialidade local, de alá, de Fene.

Tamén apareceron con pan chapata, riquísimo pan chapata do barrio vigués da Florida, Enriqueta e Luísa, dúas mozas moi bonitas, de sorriso contaxioso, animadas e con todo o aspecto de seren moi divertidas. Unha delas, non sei cal das dúas, obrigoume a comer alí mesmo unha punta da barra que me traía, quizais para cerciorarse de que era certo o que dicía no meu artigo, de cando ía ao cine cos petos cheos. Fíxeno con gusto. Agora mesmo, sentado no meu cuarto de traballo, cando xa son as dez da noite, estou rodeado de pan. Arrecende a gloria. Non podo comelo todo, pero vou facer unha degustación por cachiños. Xa lles contarei mañá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xullo de 1999.