La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A Rosa Chacel vin eu un día como non lle quixeron dar un premio. Foi unha das convocatorias do Nacional de Literatura, do que eu era xurado. Unha grea soterrada de inimigos da escritora pintou a cana verde para evitar que tan preciado galardón caese nas súas mans. Por suposto, ningún deles se atreveu a dicir o motivo real da conxura: a fonda aversión que lles inspiraba a escritora, unha muller de carácter forte e pouco simpática que esperta uns odios terribles na alborotada república das letras españolas.

Naquela ocasión, para conseguir o seu propósito, os compoñentes do xurado acordaron premiar un escritor morto, que, por certo, era bo amigo meu, o gran poeta catalán Joan Vignoli. De nada valeu o argumento de que o premio nada lle ía aproveitar ao defunto, pois non podía gozar nin dos cartos nin da gloria.

Daquela, tiven a sensación de asistir a un deses espectáculos cómicos que non son raros na vida literaria española, como aquel que hai anos organizou a comisión de notables que acudiu a Estocolmo para pedir que non lle desen o premio Nobel de literatura a don Benito Pérez Galdós. Pensei entón que a función á cal asistín aquel día xa non se podía mellorar. Equivoqueime. Con Rosa Chacel enferma e case centenaria, a punto de entrar na gloria, un dos tiburóns daquel circo fíxolle o outro día un eloxio magnífico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xullo de 1994.