La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En España, a pesar das aparencias, os alemáns caen peor que os franceses. A xente di que son xentes de cabeza cadrada, eficaces e precisos como máquinas, pero fríos e sen imaxinación. Naturalmente, todo iso non é certo, pero ten o mesmo valor que se o fose. Ocorre igual que as estatísticas. Está claro que os socialistas españois tiñan razón cando na última campaña electoral repetían unha e outra vez que nos últimos dez anos crearan non sei cantos postos de traballo. A xente pensaba no desemprego.

A min, os alemáns sempre me caeron ben, ao revés do que me sucede cos franceses. Como falo de sentimentos, resulta evidente que non pretendo ser obxectivo nin racional. Xa dixen onte que en cuestións de prexuízos manda máis o corazón que a cabeza.

Hoxe pola mañá, en Aachen, é dicir, na cidade que nós chamamos Aquisgrán, nunha cervexería tocounos unha camareira gorda, fea, colorada e antipática. En ningún momento me pasou pola cabeza que aquela muller sonrosada, con cara de porquiño de debuxos animados, fose ela soa Alemaña enteira. Estou seguro de que a mesma señora, en Francia, sería para min o símbolo exacto dunha maneira de ser que aborrezo. Case dá vergonza confesar estas cousas, pero as vacacións tamén serven para isto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xullo de 1993