La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A revista Vanity Fair deste mes dedícalle unha ampla reportaxe ao famoso predicador americano Pat Robertson. Este home, un día recibiu un aviso do ceo para que se dedicase a difundir a verdade polo mundo, é dicir, en América, e púxose a dicila en voz alta. É bastante sinxela: as feministas son unhas bruxas, os árabes son aínda peores que os negros e os xudeus, e Satanás anda solto pola terra adiante. Millóns de persoas quedaron extasiadas con este discurso e Robertson ten agora a consideración dun profeta.

En realidade é un home inmensamente rico, millonario en dólares moitos centos de veces. Cando empezou, hai preto de cincuenta anos, soamente tiña o equivalente a unhas dez mil pesetas e un soño, segundo el mesmo ten confesado. Non debe ser fácil averiguar se a riqueza naceu da multiplicación do diñeiro ou do outro.

O que non está claro é que Deus fose o inspirador directo de Pat Robertson. Non o digo pola doutrina impartida polo predicador, nin sequera polos cartos que gaña. O que me fai desconfiar é o medo deste home, que vive nunha casa rodeada por un muro, rodeado por un valado de madeira, rodeado por unha alambrada electrificada, rodeada por uns sensores, rodeados por cámaras que finalmente están rodeadas por policías. Aforraría bastante diñeiro utilizando o ollo de Deus, tan amigo seu, que todo o ve.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xullo de 1996.