La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola tarde paseino lendo a revista Granta, unha alegría que me chega por correo desde Cambridge cada tres meses. Fíxeno sentado ao aire libre, gozando da alegría azul e cálida do día, aproveitando a tranquilidade de que non tiña, en toda a xornada, outras obrigacións que cumprir. Unha das cousas que lin con máis atención e interese foi unha entrevista cun mozo inglés, residente en Londres, que se chama Terry Cole e que ten como única profesión a de superar marcas para saír no Guinness, sobre todo as que fai un americano, un tal Ashrita Furman, rival ao cal non coñece persoalmente, a pesar de que o seu éxito depende do fracaso del.

Unha das primeiras marcas que superou este home foi a de transportar non sei cantos paquetes de leite, uns por riba dos outros, en forma de torre, aguantados só co queixo. Tamén figura no primeiro posto do mundo polo número de pezas de ouro que leva na dentadura: catorce. Custaron unha pequena fortuna, pero el non tivo que pagar nada, pois correu con todos os gastos un compinche.

Figura igualmente como campión na modalidade de percorrer varias millas coa cabeza dando voltas nunha roda e polo número de flexións abdominais que fixo apoiándose nun único brazo: oito mil en cinco horas. En realidade esta última marca acaba de perdela por moi pouco hai apenas unhas semanas, aínda que non descarta recuperala. Antes diso ten que intentar un novo desafío, que está preparando agora para pasar en Olimpia, e que vai consistir en comer xeados durante seis días. Na entrevista, o citado Terry Cole asegura que, a pesar de todos estes éxitos, é bastante infeliz. Este detalle impídeme acabar este artigo doutra maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xullo de 1998.