La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Este ano, no mes de outono, vai aparecer en varios idiomas un libro sobrecolledor. Trátase dun diario. Foi escrito en China durante o ano 1937 por un empresario alemán, membro do partido nazi. Naquela época, este home residía en Nankín, onde representaba os intereses dunha importante empresa do seu país. En setembro daquel ano, os xaponeses invadiron a cidade e cometeron toda clase de atrocidades. Desde entón, existe alí un monumento conmemorativo, no que figura o número das vítimas: trescentas mil.

Cando o citado empresario, que se chamaba John Rabe, regresou a Berlín, entregoulle o seu diario a Hitler, para darlle a coñecer os crimes cometidos polos xaponeses. Como consecuencia, a Gestapo meteuno no cárcere e prohibiu a difusión dos datos que figuraban naqueles cadernos, un total de dúas mil páxinas.

Nas súas notas, que hai pouco foron depositadas no monumento aos mortos de Nankín, Rabe vai contando o que el presenciou, hora a hora, día a día, semana a semana. Unha parte da documentación, ademais, consiste en películas. As persoas que coñecen este material aseguran que se trata dun relato horripilante. Naturalmente, eu non o lin, porque aínda non se publicou, pero tampouco o penso ler. Non por ningunha clase de prexuízo, senón porque estou seguro do que vai dicir. O horror é sempre igual.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xullo de 1997.