La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde hai unha semana, todas as noites vou ata o peirao de Panxón para falar cun señor que coñecín o martes pasado. É un home duns setenta anos, gordecho e con lentes, que baixa cada día desde Belesar para pescar luras e chocos. Chega a iso das nove, abre unha cadeira de lona que sitúa ao bordo do dique, tres metros por riba do nivel da auga, monta unha cana moderna, de fibra de vidro, séntase comodamente e ponse á faena. Esta non remata nunca antes das doce da noite, moitas veces sen resultados.

A pesca das luras e os chocos é asunto de moita paciencia. Nótase ben na pachorra bondadosa deste vello tranquilo. Bota o cebo unha e outra vez, tira del para limpalo de lixo vexetal cada pouco tempo, lánzao de novo uns metros máis alá, sempre desde o mesmo sitio, e agarda durante horas a ver se pica algo.

Mentres pesca, falamos. Non sei moito do seu mundo, pero coñezo xa algunhas cousas. Por exemplo, que na corte da súa casa hai un niño de andoriñas, que foi cazador de coellos e perdices cando era máis novo, que os xabaríns lle arrasaron unha leira de patacas hai uns días, que xa non se ven lagartos nos camiños, que o cuco cantou pouco este ano e que a un canario que ten nunha gaiola se lle foi a voz. Gústame falar con este señor, sobre todo porque fala distinto e de cousas das que non fala case ninguén.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xullo de 1995.

Nota: O pasado luns recibimos a visita na Fundación Carlos Casares de Teresa Rodríguez Martínez, filla do protagonista desta «marxe». Queremos agradecerlle que nos proporcionase o nome do pescador, que non é outro que Delmiro Rodríguez Táboas, un home moi activo e moi coñecido na vila.