La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había anos que non tiña noticias de Pepe Guante, peluqueiro de señoras en Xinzo de Limia e amigo meu desde hai moito tempo. O sábado, na Coruña, sentados nunha terraza, estivemos recordando, un amigo común e mais eu, historias deste personaxe tan interesante que, entre outras cousas, foi dama de compañía dunha señora suíza. Cando se foi naquela ocasión, notouse a súa falta na vila, pois non había quen vestise mellor a Virxe nin organizase a procesión de Corpus con máis porte e distinción.

El encargábase de todo: de recrutar os nenos que tiñan que facer de San Pedro, coas chaves; de San Xoán Bautista, vestido con pelica de ovella; de Xustiza, cun pano tapándolle os ollos; de Prudencia, cunha cobra de mentiras na man. Este papel quíxeno facer eu, pola cobra, pero Pepe díxome que era papel de nena.

Segundo me contou este amigo que atopei na Coruña, este ano volveron organizar a procesión, desaparecida desde había décadas. Os responsables, polo visto, tiveron o acerto de parar diante da casa de Pepe Guante, como homenaxe e proba de gratitude. El, que pasa xa moito dos oitenta anos, saíu ao balcón para agradecer e botarlle uns piropos á imaxe da Dolorosa, pero entre a vellez e a falta de saúde, armouse un lío e confundiu a Virxe con San Xoán. Non podía ser menos nun home que foi calquera cousa menos vulgar.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xullo de 1996.