La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando no mes de xaneiro pasado, o chanceler alemán, Helmut Kohl, visitou os Estados Unidos, a opinión pública do país quedou conmocionada ao descubrir a través dos periódicos que o político visitante e o presidente Clinton, no transcurso dun xantar, comeron unha cantidade tan grande de pasta que con ela se podería encher un colchón. Por se fose pouco, á hora dos postres liquidaron entre os dous sós un carriño enteiro de lambonadas: varios pasteis de mazá, catro tortas de queixo e un número indeterminado de flans.

Son talvez os dous mellores dentes do circuíto político internacional. No caso de Kohl, abonda velo: cento corenta e seis quilos de masa muscular, un pescozo enorme de boi e unhas costas que para medilas de extremo a extremo fai falla unha cinta métrica de ración. Polo que respecta a Clinton, a cousa resulta máis sorprendente.

O presidente americano non ten o aspecto de zampabolos do seu colega xermano, pero debaixo da aparencia dun home normal, escóndese un auténtico depredador. Antes de cada xantar, toma un aperitivo a base de hamburguesas, salchichas, salsas, patacas fritas… Mentres tanto, o seu cociñeiro francés comproba desconsolado que Clinton prefire estas trapalladas culinarias antes que os pratos refinados que el lle prepara. A opinión pública está tamén preocupada; non tanto pola gastronomía como polo gasto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xuño de 1994.