La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que estiven en Trieste, hai xa bastantes anos, baixei do coche nas inmediacións dunha praza que me fixo pensar que me atopaba en Portugal: a Praza da Unidade de Italia. En realidade era como se aquilo fose a Praza do Comercio de Lisboa. É que Trieste non se parece nada ao resto de Italia. Nin sequera nos tolos, que alí son diferentes. Carecen do aspecto acelerado que teñen os dementes en Bolonia ou en Florencia. Son uns tolos tristes, amurriados ou durmidos nas esquinas dos cafés.

Trieste ten dado uns tipos notables, como aquel comerciante chamado Ettore Schmitz, que fabricaba pintura para barcos, o cal o levou a estudar inglés con vistas á exportación. A casualidade quixo que o seu profesor fose James Joyce, o cal o converteu nun escritor coñecido en todo o mundo polo pseudónimo de Italo Svevo.

O feito de que nacese en Trieste fíxome reter na memoria o nome de Roberto Bazlen, de quen ten falado o editor Einaudi como dunha eminencia gris da súa editorial, amigo de Pavese. Agora sei tamén que pasaba a vida na cama lendo e fumando, pero sobre todo acabo de descubrir que, en segredo, durante anos, escribiu tamén unha novela moi fermosa. A quen lle guste a boa literatura, recoméndolla vivamente. Titúlase El capitán de altura e está publicada nunha pequena editora chamada Trama Editorial.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xuño de 1996.