La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No porche da casa, entre as madeiras que serven de soporte ás tellas que o cobren, hai tempo que vive un paxaro. Non sei nin quen é nin como se chama. Deduzo razoablemente, polo pouco espazo que ocupa, que se trata dunha cousa pequeniña, apenas uns poucos centímetros de vida precaria, pero non sei nada con certeza. Cada vez que abro a porta ou me achego a esa parte do xardín, escoito un bater nervioso de ás e unha fuxida precipitada, non de ladrón atrapado in fraganti, senón de alguén que teme pola súa vida. Nesas circunstancias, como moito, nunca conseguín ver máis que unha mancha no aire. De maneira que iso é todo canto podo dicir.

A min agradaríame ser amigo deste paxaro, sen pedirlle nada a cambio, por suposto, nin sequera que me cantase un pouco. Estes animais gústanme porque si, canto máis pequenos, mellor. En Suecia, nos veráns, ás veces éntranos na cociña un paxariño a quen bautizamos como Klaus, dunha familia que alí se coñece como talgoxe e que debe equivaler a iso que aquí chamamos un ferreiro.

Este Klaus avisa cando chega, peteirando no cristal da ventá, e logo entra na casa. Come na man, preferentemente queixo. Con todo, non semella nada interesado, pois ás veces tense pousado na miña man sen que houbese comida nela. Parece unha proba clara de amizade. Quero dicir que non vén só por interese. En todo caso, dá igual. Pero volvendo ao comezo, este paxaro veciño e descoñecido que vive no porche non quere ser amigo. Ou non pode. Quizais teña medo ou malas experiencias anteriores. Unha pena, pois eu podía levarme ben con el, facerlle algúns favores e pasarmos algúns momentos xuntos. Nada importante, pero estaría moi ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xuño de 1998.