La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha velliña laponesa de Noruega conseguiu o outro día realizar o soño da súa vida: atopar e enterrar dignamente a cabeza do seu avó. Trátase dunha historia longa e complicada, que se inicia no século XIX, cando o seu antepasado foi condenado a morte e decapitado. Nese momento, aquel home perdeu a cabeza dobremente, pois ademais de separarlla do resto do corpo mediante un tallazo brutal no pescozo, foille confiscada polas autoridades, que a entregaron á universidade de Oslo, onde algúns científicos andaban daquela moi preocupados en descubrir se a orixe da poboación escandinava, que talvez eles chamarían raza, estaba nos laponeses.

Atopar a cabeza extraviada non foi fácil, máis que nada pola circunstancia de que son moitas as que se gardan aínda na universidade, que é certo que están perfectamente clasificadas, como corresponde a unha institución científica, pero que presentan algunhas dificultades e ofrecen bastantes puntos escuros.  A velliña investigouno todo, incluso notas a pé de páxina en libros alemáns.

Foi unha destas notas a que conduciu esta señora ata Dinamarca, seguíndolle a pista a dúas cabezas que lle foran cedidas a uns investigadores daquel país para realizar os seus propios experimentos. Nunha parte do cráneo, escrita sobre a pel, estaba a clave. Deste xeito rematou o empeño da velliña laponesa, que conseguiu, por fin, enterrar a cabeza do seu avó. Para que todo saíse ben, contou coa axuda duns parentes que fixeron unha caixiña de madeira preciosa, toda forrada por dentro, e cun cura cheo de sentido común que botou un discurso sinxelo sobre a estupidez humana. A idade da señora impediulle asistir. Pero alí estaba a televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xuño de 1999.