La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pasei o día enteiro escribindo un relato. Non é que se me ocorrese ningunha idea especial e que me apetecese construír con ela unha historia, senón que me fixeron un encargo. É dicir, que se trata dunha narración con pé forzado, pois a petición inclúe tamén o tema. Queren que escriba sobre a lenda da Lagoa de Antela, hoxe desecada e convertida nuns inmensos campos de cultivo, pero onde había antes unha cidade asolagada, que cando eu era neno todo o mundo chamaba Antioquía.

Empecei a escribir sen plan fixo, falando primeiro de dous curas. En realidade, o que sucedeu é que, ao pensar na miña terra, viñéronme á memoria uns cregos que coñecín na infancia, un deles xogantín e cazador, vividor e comellón, e outro algo mixiricas, un pouco madamita, de cara esbrancuzada e pelo de rato, moi metido en teoloxías, iso si, sen pasar nunca a raia ortodoxa de Trento.

Pareceume que estas dúas personalidades tan distintas podían dar orixe a un conflito, sobre todo se a historia se situaba no século XVII, en pleno furor inquisitorial, con lume purificador e outras tracas. Entón cruzoume polo maxín o Merello, un taberneiro da miña nenez, a quen sorprendín un día nunha horta facendo unha necesidade. No relato convertino nun home que un día se ergue de noite con dolor de ventre e pon un ovo. E non digo máis, para non destriparlles o conto aos que mo encargaron.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xuño de 1993.