La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A un rapaz veciño que pasou o curso facendo o vago dunha forma excesiva, os pais puxérono agora a traballar na construción. Véxoo saír polas mañás asubiando, co paquete do almorzo na man, coma se fose a unha festa. En realidade vai a unha obra de aquí cerca a dar caldeiros de masa, arrincar puntas das táboas vellas e facer algúns recados para xefes e oficiais. Desde que empezou, ten boa color na cara, non aquela brancura de alma en pena que antes lle daba o aspecto enfermizo dun triste pecador.

Durante o curso, saía da casa máis ou menos á mesma hora, pero víase amurriado, co aire dun paxariño aterecido, co peito metido para adentro e os ollos arrastrados polo chan. Alá polo mes de marzo sorprendino enganchado ao cigarro, supoño que de maneira furtiva, pois adoptaba para fumar unha maña nerviosa e complicada.

De maneira que a transformación do estudante desastroso é sorprendente. Tanto que temo que a intención dos pais lles vai saír como un tiro pola culata. É dicir, que non me sorprendería demasiado que este neno lle acabase encontrando máis graza a manexar unha máquina de facer formigón que a aburrirse nas clases de oito horas cada día. Desde logo é o que lle pinta na cara. A verdade, non me estraña. Onte mesmo vin as preguntas dun exame para rapaces: pareceume un método perfecto para fomentar a albanelería.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xuño de 1994.