La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Dortmund vai tanta calor que non apetece saír. Esa foi a razón de que onte estivese no hotel lendo. A iso das dúas había unha visita a unha planta de carbón que se pechou hai sete anos, pero que se conserva como parte da historia da cidade. Apunteime e resultou interesante. Alí traballouse duro, en condicións non humanas. Os letreiros e os avisos estaban en turco e en grego. Chamoume a atención que non estivesen tamén en castelán, tendo en conta que aquí hai unha colonia duns catro mil españois.

Polo visto, residen aquí bastantes portugueses, que non se levan ben cos galegos, segundo contan. Resulta chocante que a xente se ame de dous en dous para odiarse de mil en mil. No noso tren é un dos temas de conversa porque pola circunstancia desta viaxe vense obrigadas a convivir xentes que son inimigas desde hai séculos. Co tempo, estas xenreiras acaban sendo ridículas e países que estiveron en guerra intercambian logo homenaxes aos mortos. O mellor sería, sen embargo, que antes non os matasen.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xuño de 2000.