La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recibín a visita do meu amigo Xulio Losada, de Ourense, de quen teño falado aquí noutras ocasións. Comemos na casa, ao aire libre, aproveitando o bo tempo, a pesar de que había algo de néboa, e fixemos tertulia durante case toda a tarde. Non coñezo ninguén que conte as cousas tan ben como as conta este home, un narrador fantástico, que sabe centos de historias e que podía escribir a novela máis divertida que un podería imaxinar sobre a súa cidade natal. Moitas destas historias viviunas el, pero outras xa as herdou do seu pai, que tiña fama de ser un moi bo narrador oral, ou do seu tío Arturo, ou da súa nai Lucila, que era tamén un gran personaxe.

A visión que Xulio Losada dá do Ourense de hai uns anos, no que vivimos xuntos moitas horas de amable lecer, sobre todo polas noites, cando nos daban as tantas andando de paseo polas rúas, falando e falando, está entre a comedia e o esperpento. Non sei se será unha versión moi fiel da realidade, pero os trazos do seu debuxo verbal son dunha beleza cativadora, literaria e sutil, moi aguda.

De todos os personaxes dos que falou onte, acórdome especialmente do Paquiño, un carpinteiro habilidoso, pero informal, a quen coñezo eu tamén, deses que empezan dez obras ao mesmo tempo para non perder ningunha, pero que antes de rematalas acaban por desesperar a todo o mundo. O que eu non sabía é que un día, un dos seus clientes, farto de tantas interrupcións, decidiu atalo a un radiador da casa para que non puidese marchar. Naturalmente, utilizou unha corda de varios metros, de maneira que o carpinteiro traballase con liberdade de movementos. Aínda que, ben pensado, empregar aquí a palabra liberdade é un sacrilexio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xuño de 1999.