La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando souben a noticia da morte de Ella Fitzgerald, puxen un disco para escoitar unha vez máis a súa voz. É unha gravación que a cantante americana fixo en Roma, en directo, o día 25 de abril de 1958, na mesma data en que cumpría corenta anos de idade. Hai nese disco unha peza que a min me gusta especialmente, non só porque se trata dunha das mellores cancións de cantas cantou Ella, senón porque leva un título moi relacionado cos seus inicios no mundo do jazz: Stompin’ at the Savoy.

Efectivamente, foi no Savoy onde se deu a coñecer. Teno contado a pianista Mary Lou Williams, que un día, cando andaba paseando sen rumbo por Harlem, ao pasar por diante do mítico local, escoitou unha voz que lle producía verdadeiros calafríos nas costas. Entrou e viu unha rapaciña adolescente, moi agradable.

Non tiña o temperamento desgarrado, algo enlouquecido, de Billie Holiday, senón que era tranquila, quizais un pouco triste. A vida non se portou ben con ela: criouse nun orfanato. E o home que a descubriu, Chick Webb, morreu cando empezaba a ser para a mociña o pai que esta non tivera. Casou varias veces, sempre con mala sorte. Con frecuencia pasaba depresións que a mantiñan alonxada dos escenarios durante varios meses. Probablemente non foi feliz, pero en cambio fixo feliz a moita xente co seu canto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xuño de 1996.