La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aproveitei o descanso obrigado destes días griposos para ler a biografía de Albert Camus escrita por Olivier Todd, recentemente publicada. Son preto de novecentas páxinas espléndidas sobre un dos escritores a quen eu máis teño admirado na miña vida. Aínda podo recordar exactamente en que lugar me atopaba o día 5 de xaneiro do ano 1960, a iso das dez da mañá, que foi cando souben polo periódico que Camus morrera en accidente de automóbil o día anterior: estaba na casa de Dalmiro Castro, un amigo de Xinzo de Limia.

Moitos anos despois, andando pola Provenza, un día achegueime ata Lourmarin, a pequena aldea onde repousan os restos do escritor francés. Esperaba encontrar na tumba algunha das frases memorables que escribiu, pero atopeime só co seu nome, apenas visible, gravado sobre unha pedra, e as datas do nacemento e da morte. Lendo agora esta excelente biografía, non inferior á de Lottman, un decátase da furia con que foi tratado Albert Camus polos seus colegas, sobre todo por Sartre e por Simone de Beauvoir.

Esta última especialmente escribiu verdadeiras infamias sobre o seu antigo correlixionario e amigo da mocidade. Non obstante, polo que se ve, o tempo non lles deu a razón: segue sendo un escritor querido, admirado e lido. Parece xusto para un home que escribiu unha frase que di: “Gústanme profundamente os seres humanos”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xuño de 1997.