La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os físicos coñecen ben o nome de H. A. Lorentz, un profesor holandés que unía á súa condición de sabio a característica de ser unha boa persoa. Como tantos homes eminentes, nunca tivo unha alta opinión de si mesmo, pois consideraba que as cousas das cales trataba eran no fondo bastante sinxelas. Pensaba que a ciencia, ao contrario da especulación filosófica, raramente metía a xente en conflitos e que a súa aspiración máxima na vida consistía en axudar a resolver algúns problemas concretos, non demasiados.

Hai uns días, ordenando papeis, atopei unha frase deste home que eu mesmo anotei non sei cando e que tampouco recordo en que lugar a lin. Di que sempre se sentiu moi contento de ter nacido en Holanda, non por patriotismo, senón porque se trata dun país tan pequeno que nel non se poden facer grandes disparates.

Supoño que cando copiei estas palabras estaba pensando en Galicia e que a idea que encerran me debeu servir nalgunha ocasión como argumento, quizais nunha discusión, talvez nunha conferencia. Cousa dos poucos anos. Como todas as frases fermosas, o seu valor supremo reside na propia beleza, non na verdade do que proclama. Que Galicia é un país pequeno resulta evidente. O que xa sería máis difícil de aceptar é que nel non se poidan facer grandes disparates. Polo menos, burradas dinse unhas cantas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xuño de 1994.