La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día chamoume Marina Mayoral desde California, onde está dando un curso na universidade, para pedirme que a representase no pazo de Moldes, Concello de Boborás, no acto de entrega do Premio Losada Diéguez de literatura que se celebrou o último sábado e que este ano lle concederon a ela. Escuso dicir que aceptei encantado unha encomenda tan grata, en primeiro lugar porque se trata dunha amiga, pero tamén porque se dá a circunstancia de que no libro galardoado hai un conto dedicado a min.

Supoño que a cousa sería distinta para o Concello de Boborás, convocante do premio. Como todo o mundo sabe, Marina é unha magnífica escritora, ademais de ser unha moza moi alta e moi guapa, dotada de gran simpatía. Non me estrañou, polo tanto, que os organizadores dos actos se puxesen tristes ao coñecer a noticia.

Hai moitos anos eu merquei en Madrid, nunha librería de vello, un fermoso libro do século XVIII, encadernado en pergamiño: a vida de Clemente XIV, o franciscano Ganganelli, escrita polo Marqués de Caracciolo. É unha biografía preciosa. Ese libro sempre me produciu unha pequena mala conciencia porque levaba na primeira páxina un vello cuño, perfectamente lexible, do Concello de Boborás. Moitas veces me pasou pola cabeza devolverllo. Fíxeno o sábado para compensar a ausencia de Marina Mayoral.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xuño de 1996.