La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Por fin púxose en marcha o Expreso da Literatura. Ocorreu onte pola mañá, ás nove en punto, con precisión alemá, que desa nacionalidade son os organizadores desta aventura. Fano ben e con moitos sorrisos. Claro que para saír a esa hora, sacáronnos da cama ás seis menos cuarto. Despois, xa na estación, cando o tren arrincou, con todos dentro, un aplauso espontáneo resoou no interior dos vagóns, non sei se dedicado aos portugueses, que se portaron magnificamente con nós, ou ao propio inicio desta gran viaxe que nos vai levar xuntos ao longo de sete mil quilómetros, ata rematar en Berlín a mediados de xullo.

Como nos anunciaran, hai cámaras por todas partes. Estiven observando e as tomas son sobre cousas que chamen a atención. Por exemplo, os que quedan durmidos non se salva ningún. Ou os que fan algo raro, como me sucedeu a min, que me puxen a abrir un libro sen guillotinar, coa navalla que me regalaron, e xa me colleron.

O tren que levamos é confortable, aínda que eu boto de menos unha mesiña onde apoiar o ordenador. Agora mesmo, cando escribo esta crónica, camiño de Madrid, o aparato descansa sobre os meus xeonllos. O que me fai ilusión é que, cando remate, enviareino desde o tren, sen cables nin nada, dándolle a unha tecla, como se fose bruxería. E que mañá pola mañá vostedes poidan lelo nas súas casas, como a cousa máis normal do mundo. De momento, vou poñer punto porque nos chaman ao vagón restaurante para merendar. Non sexa que me pase o que me sucedeu no xantar, que un bielorruso se enfurruñou comigo por ter reservado unha mesa de catro na que el se quería sentar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xuño de 2000.