La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte comín en Santiago cun grupo de amigos que viñeron a un congreso para falar sobre cuestións relacionadas con iso que chaman as novas tecnoloxías. Un dos comensais, Joan Majó, que foi ministro e sabe moito destes asuntos, dixo que se o mundo do automóbil avanzase da mesma maneira que avanzou o mundo dos ordenadores, agora un coche custaría arredor de trescentas pesetas e tería unha potencia de máis de cinco mil cabalos. A min, o exemplo pareceume magnífico, case poético.

Eu mesmo lin algo parecido hai anos, só que aplicado á industria aeronáutica. Naquel caso, o exemplo aseguraba que, postos nas mesmas circunstancias, un avión tardaría un cuarto de hora en dar a volta ao mundo e o aparato, supoñendo que fose un Jumbo, tería un prezo no mercado de aproximadamente unhas cinco mil pesetas.

Xa metidos en cifras, algún dos presentes meteu na conversa o tema do valor económico das catedrais, que estes días pasados foi moi comentado nos periódicos, na radio e na televisión. Como resultaba ser un bo coñecedor da información, deu algúns detalles curiosos e puxo moita énfase en resaltar que a catedral de Santiago fora tasada pola Facenda Pública en dous mil millóns de pesetas. Manolo Rivas, que estaba calado, puxo cara de desgusto porque lle parecía pouco e dixo: “¡Iso será sen contar o botafumeiro!”

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xuño de 1997.