La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A propósito do uniforme de alcalde, do que falaba aquí onte, alguén me di que aquilo da chaqueta branca, a camisa azul e os pantalóns negros non era propio ou específico dos rexedores municipais, senón dos altos cargos en xeral. Non digo que non, pero na miña vila, polo que eu recordo, todos utilizaban esa roupa nas ocasións solemnes en que tiñan que vestir de gala, é dicir, cando viña de visita o gobernador civil, cando se facía a ofrenda floral polos mortos da guerra ou cando se celebraba algunha procesión importante, como o Corpus.

Supoño que algúns, aínda fóra destes acontecementos sinalados, sacaban tamén o uniforme para presumir. Eu recordo nas festas de Xinzo, alá polos anos cincuenta, un señor de Ganade paseando pola rúa, vestido daquela maneira. Acórdome moi ben porque o confundín cun vendedor de xeados, tal como explicaba onte.

Tamén recordo vestido dese xeito un alcalde da miña vila, tomando as cuncas polos bares do Barrio de Abaixo, probablemente despois dunha procesión. Por certo que era un señor que sabía recitar de memoria parágrafos enteiros de Ortega y Gasset. Talvez por iso se dicía que tiña categoría de gobernador e que varias veces estiveran a punto de nomealo. O caso é que a súa carreira política rematou no concello, quizais inxustamente. Esa debeu ser a razón de que a corporación que el mesmo presidía acordara dedicarlle unha rúa co seu nome.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xuño de 1995.