La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falabamos aquí dun señor ao cal sorprendín na radio no trance de facer unha descrición apocalíptica de Europa. Como se trataba dun candidato ao próximo parlamento europeo, tirei a conclusión de que acentuaba a negrura do cadro para facer máis atractivas as súas propias conclusións. Sen descartar a hipótese de que o citado señor sexa un inxenuo, un iluminado ou un iluso, eu síntome máis inclinado a pensar que nestes casos non convén desbotar a posibilidade maliciosa de que se trate dun golfo.

A min recórdame a un médico, ben coñecido na miña terra hai xa bastantes anos, que aplicaba a mesma técnica á saúde dos seus pacientes. O procedemento era elemental e sinxelo, pero dunha eficacia perfecta: consistía en facerlles un diagnóstico salvaxe, irremediable. Como despois os salvaba a todos, acabou collendo fama de sabio.

A un amigo meu, ao cal saquei nun dos meus libros co seu nome e apelidos, mandoulle unha maldición terrible naqueles anos tristes da fame: un peito de grilo furado polos negros perdigóns dunha terrible doenza pulmonar. Meteuno na cama pola forza, púxolle o corpo fofo de tanto comer e durante un mes interminable privouno da súa máis san paixón xuvenil, xogar ao fútbol nas Lagoas, el que tiña balón. Cando se decatou da trampa, xa non había remedio, pero aguzóuselle o sentido para descubrir os camándulas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xuño de 1994.