La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese cura do que falei onte aquí, que sabía a Biblia de memoria, e do que aínda se acordarán algúns dos seus colegas, falaba sempre nun castelán moi escollido, que ás veces recordaba a lingua de Cervantes, pronunciada con coidado. Os problemas lingüísticos constituían unha das súas paixóns, sobre todo polo que respecta ao uso correcto das palabras. Un día escoiteille abroncar sarcasticamente a un compañeiro que dixo diante del a palabra “cénit”, acentuando o “e”, en vez de “cenit”, con acento tónico no “i”. Quedoume tan gravado que aínda hoxe, tantos anos despois, me chama a atención que tanta xente o diga mal.

Outro erro idiomático que non lle gustaba nada era a expresión “andar en pelotas”, en vez de “andar en pelota”, que é a correcta. Para explicarse dicía unhas cousas divertidísimas, algo picantes, e logo soltaba de memoria dez ou doce citas literarias de clásicos casteláns en apoio da súa tese, que defendía como se lle fose nela a propia vida.

Unha das veces que lle axudei á misa, durante a predicación,aquel infeliz empezou a explicarlles aos paisanos a diferenza que había entre dicir “prostituta” ou dicir “ramera”. Eu estaba tan asustado que non fun capaz de seguir a argumentación en detalle, polo tanto non recordo que pretendía demostrar. Só lembro que o asunto tiña que ver co Evanxeo. Deume a impresión de que os fregueses non se molestaron nin sentiron que o cura fose un tipo disparatado, senón que estaban contentos, pois de cando en vez rían bastante. Acórdome que o final consistiu en dicir que esas palabras non eran pecado, nin sequera a das catro letras, que resoou na igrexa como un raio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xuño de 2000.