La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, a pesar de que o día non se presentaba moi bo, fun pescar unhas cabalas ás proximidades das illas Cíes, que é lugar onde as hai en abundancia. Este peixe, que outros chaman xarda ou escombro ou correolo, non goza de moita aceptación no noso país, onde non se lle dá mérito ningún. Cando eu vivía en Cangas, hai perto de quince anos, unha pescantina chamoume un día a atención na praza por preguntarlle se o tiña.

Primeiro, miroume con cara de asombro e logo díxome que ela non vendía esa clase de porcaría. En Suecia, en cambio, a cabala é un peixe moi apreciado por todo o mundo. Poucos praceres gastronómicos teñen deixado en min un mellor recordo, cando estou naquela terra bendita, que os almorzos do verán, celebrando ao aire libre no xardín, nos que nunca falta ese peixe afumado. É un bocado fino, exquisito.

Precisamente, de Suecia trouxen hai tempo un pequeño artiluxio para afumar peixe. Trátase dunha caixa de metal, cunha grella no interior. Sobre o fondo, bótase un pouco serrín, colócase a peza na reixa, péchase a caixa a continuación, sitúase logo esta por riba dun trespés e por último faise lume debaixo cun pouquiño de alcohol. En cinco minutos, máis ou menos, todo está listo. O que vén despois é ben sinxelo: deixar que o padal goce coa delicia dun sabor incomparable. Que foi o que fixemos onte preto das Cíes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de maio de 1995.