La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nun cineclub que había en Ourense alá polos anos sesenta vin eu unha película da que só lembro o título e unha escena, pero que me quedaron ambos ben gravados na memoria. O filme chamábase I nuovi angeli e era unha crítica intelixente e irónica da vida política italiana. Na escena citada, aparecía un bispo gordo pronunciando un sermón desde o alto dun púlpito co propósito evidente de aconsellar aos fieis á hora de emitir o voto nunhas eleccións, pero sen violar a neutralidade formal e obrigada da Igrexa.

Dicía o prelado, despois de afirmar reiteradamente a súa imparcialidade diante do proceso electoral, que de todos os xeitos, un católico que se preciase de selo, antes de depositar o seu voto na urna, debía asegurarse de que o partido elixido gozase dunhas condicións irrenunciables: que fose un partido democrático e cristián.

Os rapaces do cineclub, que eramos militantes da esquerda anxelical daqueles anos, riamos con ganas ao ver na picota a unha dereita tan cínica. Custaríanos crer entón que moitos anos despois, un dirixente sindical acabaría utilizando a mesma linguaxe do bispo da película. Escoiteino onte na radio. Dixo que ante as próximas eleccións, el ía ser neutral, pero que aconsellaba que se votase aos partidos que no seu día estiveron en contra do Estatuto dos Traballadores. Faltoulle conceder indulxencia plenaria.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de maio de 1994.