La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola tarde, despois de volver de Ourense, senteime cun libro no porche disposto a descansar un pouco deste mes de maio enlouquecido: quince conferencias, varios actos oficiais, non sei cantas reunións de traballo e esta cita diaria no periódico, que nestes días pasados foi escrita case sempre en hoteis, restaurantes, trens, aeroportos e incluso, polo menos nunha ocasión, mentres me levaban en coche dun sitio para outro. Non é raro, polo tanto, que quedase durmido co libro nas mans, case sen encetalo.

Espertei un par de horas máis tarde por culpa dunha invasión de formigas con ás. Saían zumbando por un buraco do chan, entre dúas baldosas. Eran incontables e parecía que se vían medrar cada segundo que pasaba e que lles saían as ás de repente, como un milagre. Nunca tiña observado unha cousa semellante.

Comenteino o luns cun albanel que nos anda na casa. É un home da aldea, grande e algo pachorras, que fala cunha prosa chea de refráns. Pensei que tería algunha explicación para o fenómeno. Díxome que esas formigas as botan os avións, que el mesmo viu un deles lanzando a carga aínda hai pouco. Pregunteille se era para vender despois os velenos e respondeume que se trataba de algo peor. Miroume todo serio e dixo: “É para facer experimentos”. Díxoo con tal reverencia que non quixen saber máis.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de maio de 1997.