La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo un artigo do director de cine Edgar Reitz, no que conta as súas experiencias relacionadas co Maio do 68, queel pasou en Berlín. De todo canto recorda, hai algunhas historias que me parecen moi interesantes. Por exemplo, unha que ten como protagonista a Ulrike Meinhof, a muller que acabou dando o seu nome a unha coñecida banda terrorista alemá. Mentres Reitz rodaba unha película, a célebre revolucionaria conseguiu convencer a todo o equipo, incluído o director, de que debían interromper a filmación. Despois de varios días de longas discusións parece que lles quedou claro a todos que naquelas circunstancias non se debía seguir.

Por suposto que se trataba dunha decisión política, enmarcada nun debate máis amplo sobre o sentido da arte en xeral e do cine en particular. A pesar dos prexuízos que supoñía para actores, técnicos e director, todos asumiron o feito con alegría. No medio da discusión, Ulrike colleu as cámaras en paro e rematou un documental que estaba rodando. Con perdón dos revolucionarios, iso non se fai.

Aquel mesmo ano, o mesmo Reitz participou como xurado no festival de cine de Knokke. Todas as noites, na entrada había unha gran bolsa de plástico transparente cunha muller espida dentro. Era Yoko Ono, que reivindicaba non sei que. Con perdón das xentes modernas e sen prexuízos, iso tampouco se fai. Non porque estea mal, senón porque accións como aquela fixeron esquecer a case todo o mundo que a viúva de John Lennon é unha artista delicada, escultora finísima, figura indiscutible da arte moderna xaponesa. Eu aprendino no Guggenheim, en Nova York, nunha exposición que entrei a ver por casualidade. E custoume aceptalo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de maio de 1998.