La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, unha amiga miña regaloume un libro que aínda gardo: Vino e pane, do novelista italiano Ignazio Silone. Despois de lelo, recomendeillo a moita xente e desde entón lin todos os libros deste grande escritor. Paralelamente, fun interesándome por el como persoa e acabei por erguerlle un pequeno altar, como a outras das miñas devocións literarias máis queridas, non lonxe do admirado Albert Camus. Aprendín que Silone, que en realidade se chamaba Secondo Tranquilli, pertencía á clase dos santos laicos, respectado por todo o mundo, considerado un home honesto e unha referencia moral para os artistas italianos.

Un día, cando Silone era neno, viu como un home poderoso da súa vila lle botaba o can a unha mulleriña e como despois, con ela tirada no chan, lle batía con saña. A señora levou o malvado a xuízo e a pesar das evidencias, grazas a testigos falsos, foi ela a condenada. O futuro escritor elixiu naquel momento: fíxose comunista. Sen embargo, máis tarde abandonaría o partido, despois de exercer cargos de responsabilidade, e dedicaríase exclusivamente á literatura, gozando do aprecio de todos, mesmo dos seus antigos camaradas. Agora, dous periodistas italianos acaban de descubrir que durante a época fascista de Mussolini, Ignazio Silone foi colaborador e informante da policía. A pesar da evidencia das probas, ninguén quere aceptalo. Indro Montanelli, por exemplo, asegura que aínda que o propio Silone resucitase e confirmase todo, el seguiría sen crelo. Eu, sen embargo, créoo. Agora mesmo aínda non sei se poderei perdoalo, pero deixarei un sitio no meu corazón para tratar de comprendelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de maio de 2000.