La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai catro ou cinco anos, asistín na cidade canadense de Toronto a unha conferencia de Arthur Miller, na que tratou sobre problemas relacionados coa literatura e o papel dos escritores no mundo de hoxe. Na hora longa que durou a intervención do célebre dramatrugo non puiden apartar da cabeza a idea de que aquel home estivese casado durante algúns anos con Marilyn Monroe, de maneira que, quitando unha fermosa frase que pronunciou ao final, non recordo practicamente nada do que dixo naquela ocasión.

Teño agora diante de min as famosas fotografías de Marilyn que acaba de publicar o New Yorker e que tantos comentarios provocaron ultimamente na prensa de medio mundo. Un entende que en presenza dela, como dixo Miller, os homes abrisen a boca, risen sen motivo ou estivesen dispostos a calquera loucura a cambio dun sorriso. Custa máis entender que ás veces lle enviasen por correo caixas cheas de excrementos, que os periódicos americanos lle chamasen puta en moitas ocasións, que os periodistas acudisen ás roldas de prensa coa intención retorta de deixala en ridículo ou co propósito de facerlle ver que, lonxe de ser a excelente actriz que sen dúbida era, tiña máis ben a factura vulgar dun pequeno montón de carne sen cerebro. Ela mesma se viu obrigada a destruír o propio corpo para que aparecese claro que posuía tamén unha alma bonita.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de maio de 1994.