La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O luns, despois do xantar ao que fomos convidados en Cuntis, con motivo da celebración académica do Día das Letras Galegas, un grupo de amigos afeccionados ás tertulias de sobremesa quedamos un par de horas máis no restaurante, falando e comentando cousas. Había, entre os asistentes, un cura amigo, intelixente e simpático, que ten unhas dotes fantásticas para contar historias. Á parte do enxeño e a simpatía con que narra os centos de anécdotas que coñece, o mellor é que tamén sabe elixir aquelas que pola súa sutileza ou a súa graza verbal encerran algo máis que un conto divertido.

Algunhas teñen a categoría dunha reflexión filosófica. Das moitas que contou, houbo dúas que me gustaron especialmente. A primeira, a dun paisano que, despois de escoitar como o cura lle explicaba que o importante era o espírito, máis que o corpo e que, polo tanto, o que contaba realmente era sentirse ben por dentro, o home quedou mirando para o señor abade, moveu a cabeza e dixo: “Si, pero é que tamén ando mal por dentro, que teño o estómago fatal”.

A outra tivo como protagonista un moribundo, a quen o meu amigo lle foi administrar os últimos sacramentos. Seguindo as recomendacións do concilio, o crego non se limitou a cumprir co rito, senón que lle quixo explicar o significado que tiña o acto que se ía celebrar, especialmente o valor simbólico dos óleos cos cales o ía unxir, sen esquecerse de recordarlle que na unción co aceite tamén se pedía pola saúde do enfermo. Entón este, que ata daquela estivera calado e amodorrado entre as sabas, como ausente, volveu a cabeza que tiña afundida entre varias almofadas e dixo coma se fose unha sentenza: “Untura de bote, señal de viaxe”

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de maio de 1999.