La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un estudante foi entrevistar nunha ocasión a Josep Pla para unha revista que os rapaces facían na universidade de Barcelona e preguntoulle cal era a razón de que non exercese case nunca a crítica contra o poder. O escritor catalán, agudo e raposo a partes iguais, en vez de demostrarlle ao mozo que estaba esquivocado, contestoulle dicindo que a actividade crítica, se non se exercía con intelixencia, convertíase nunha estupidez e que aínda que el non se consideraba intelixente tampouco estaba disposto a que o tivesen por estúpido.

¿En cal destas dúas categorías habería que situar esas opinións, onte tan abundantes nos periódicos galegos, que aseguraban que o Día das Letras Galegas non se debe celebrar? Os argumentos empregados, é dicir, carácter oficial, institucionalización dos escritores e demais, non destacan precisamente pola súa orixinalidade ou agudeza nin parece que acheguen ningunha idea digna de tal nome.

Non sería difícil deseñar unha hipótese maligna. Imaxinar, por exemplo, que a Real Academia Galega decidise suprimir a citada festividade. O resto, incluídas as declaracións destes intelectuais críticos nos periódicos, resultaría unha obviedade tan fácil de supoñer que mesmo sería inxusto que nos ensañásemos con ela. Trátase dunha manifestación menor diso que se chama o pensamento oportunista, é dicir, unha maneira de pensar que non ten nada que ver co obxecto que se asegura querer aclarar senón co obxectivo que se pretende conseguir.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de maio de 1993.